|
Caixa de ferramentasOutras linguas
|
Alquimia
O alquimista de Carl Spitzweg
A alquimia é unha antiga práctica protocientífica e filosófica que combina elementos da química, a metalurxia, a física, a medicina, a astroloxía, a semiótica, o misticismo, o espiritualismo e a arte. A alquimia practicouse no Antigo Exipto, a India, a China, a Grecia Antiga e o Imperio Romano, no Imperio Islámico, e despois en Europa ata o século XIX, nunha complexa rede de escolas e sistemas filosóficos que abrangue polo menos 2.500 anos. A alquimia occidental estivo sempre estreitamente relacionada co hermetismo, un sistema filosófico e espiritual que ten as súas raíces en Hermes Trimexisto, unha deidade sincrética grecoexipcia e lendario alquimista. Estas dúas disciplinas influenciaron o nacemento do rosacrucismo, un importante movemento esotérico do século XVII. No século XIX, mentres a alquimia dominante evolucionaba na moderna química, os seus aspectos místicos e herméticos convertéronse no centro de interese dunha moderna alquimia espiritual, na que as manipulacións materiais eran consideradas meros símbolos de transformacións espirituais. Os alquimistas non seguían o que hoxe se coñece como método científico e gran parte do «coñecemento» que produciron foi posteriormente achado banal, limitado, erróneo ou sen sentido. Actualmente, a disciplina é de interese principalmente para os historiadores da ciencia e a filosofía, así como polos seus aspectos místicos, esotéricos e artísticos. No entanto, a alquimia foi unha das principais precursoras das ciencias modernas, e debemos aos antigos alquimistas o descubrimento de moitas sustancias e procesos que son alicerces fundamentais das actuais industrias química e metalúrxica.
|